Trinta persoas representativas de diferentes ámbitos da sociedade galega promoveron en xullo de 2008 este manifesto en defensa da igualdade de dereitos para o galego, para o cal se comezou un proceso de recollida de adhesións doutras persoas, entidades, etc.
Varios meses despois, este texto continúa a estar en vigor, máxime cando o PP anuncia a súa pretensión de desmantelar puntos básicos da oficialidade do galego, como a existencia de escolas infantís que impartan nesta lingua (as Galescolas), o decreto que regula un mínimo do 50% do ensino en galego ou a lei que sinala que os nomes de lugar do noso país terán como forma oficial a galega. Estas medidas, ademais de suporen o perigo dunha confrontación indesexábel e dunha fractura social, van contra acordos unánimes do Parlamento e vulneran o espírito e a letra do artigo 5 do Estatuto de Autonomía, que sinala o galego como lingua propia de Galiza e a obriga dos poderes públicos de potenciala nos diferentes ámbitos.
Nos últimos meses, repetiuse desde diferentes grupos de poder a falaz idea de que hai un proceso de “imposición del gallego”, presentando, con cinismo, o mundo ao revés. A realidade do día a día e todos os estudos sobre o tema desmontan esa mentira. Así, o Consello de Europa advertiu nun contundente informe de finais de 2008 que en Galiza non se están a cumprir tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos e que non hai garantías mínimas para este idioma en sectores tan importantes como o ensino, os servizos públicos, a xustiza ou os medios de comunicación. Así mesmo, a Real Academia Galega vén de publicar un estudo sinalando que en doce anos se reduciu á metade a cantidade de persoas que fala habitualmente en galego. Perante a necesidade de respostas por parte da sociedade galega, animamos a continuar na recollida de apoios a este manifesto e a participar nos actos de mobilización en defensa da nosa lingua, como a manifestación nacional convocada para o 17 de maio ás 12 horas desde a Alameda de Santiago de Compostela.
Achegamos o enlace para que asines tanto a nivel individual como colectivo (claustro, consello escolar, ENL...) o manifesto a prol da convivencia lingüística e da igualdade de dereitos para o galego promovido pola Mesa pola Normalización Lingüística: LIGAZÓN.
No hay comentarios:
Publicar un comentario